IDIOMA
COLABORA | ACCEDER
Solicitamos o seu permiso para obtener datos estatísticos de súa navegación nesta web, en cumprimiento do Real Decreto-lei 13/2012. "Ler más." Se continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies.
Aceptar Máis información
noticias
Praia de Subiglesias
Posted by

AS FOTOS DE PACO DA LUZ

A galería fotográfica do Museo Marea amplíase considerablemente cunha selección de varias ducias de tomas de Paco da Luz, doadas pola súa viúva Carmen Pouso García, para todos Carmen de Alcira. O home con quen compartiu máis de media vida chamábase Juan Francisco Hernando Nieto e nacera en 1926. Era o terceiro dos fillos dos sorianos Teodora Nieto Fernández e Emilio Hernando Fresno. Este, carabineiro establecido en Porto do Son en 1935, sería rehabilitado tras sufrir cárcere pola súa fidelidade á República. Desde que en tempos de aquel réxime político, Jesús Ces pechase o seu negocio, Porto do Son carecía de oferta de fotografía. A principios dos anos 50, Paco, afeccionado a esta arte, sendo empregado de Correos comezou a traballar por encargo para o estudo de Quintana na Pobra do Caramiñal. A grande maioría das fotos feitas no Son por eses anos que levan o selo do devandito establecemento onde foron reveladas, son de Paco da Luz, alcume que recibiu por cobrar os recibos da empresa eléctrica de don Juan González. Poucos lembran que fai máis de medio século, un mozo alto, risoño e con lentes, poñíase detrás do obxectivo con motivo de concorridas procesións, dunha soada botadura dun barco da fasquía dos Sendia, para retratar a grupos disfrazados no Entroido ou comendo nas romarías de Madalena, San Caetano, A Fontiña, a Balbanera… e, non podía faltar, na do Loreto. Diante do seu cámara tamén posaron a súa Carmiña e amigas na costura, e varios equipos sonenses de fútbol nun campo de Santa Irene animado por seareiros. Así foi ata a apertura do estudo Foto Roque no Son a mediados da década de 1950. Grazas a Paco da Luz, por axudarnos a vencer a escuridade do esquecemento. E grazas á súa querida muller por abrirnos unha mañá de primaveira unha caixa de cartón ateigada de imaxes durmidas.